Amosando publicacións coa etiqueta infantil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta infantil. Amosar todas as publicacións

luns, 1 de xuño de 2026

Storytelling session” Go away, Green Monster!”

 Esta semana, os nenos e nenas de 3 anos gozaron dunha sesión moi especial na biblioteca. A través do conto Go Away, Big Green Monster!, mergulláronse nunha historia divertida e chea de sorpresas que lles permitiu aprender e repasar as partes da cara en inglés.







Durante a lectura, foron descubrindo pouco a pouco os eyes (ollos), ears (orellas), nose (nariz) e mouth (boca) do gran monstro verde. Os pequenos seguiron a historia con moita atención, participando activamente e repetindo o vocabulario traballado.

Despois do conto, convertéronse en auténticos artistas e construíron o seu propio Big Green Monster, colocando cada unha das partes da súa cara. Foi unha actividade manipulativa e creativa que lles axudou a afianzar o vocabulario dun xeito moi divertido.

Para rematar, realizaron diferentes xogos para identificar as partes da cara. Coa axuda duns coloridos matamoscas, tiveron que localizar rapidamente os eyes, ears, nose e mouth, demostrando todo o que aprenderan mentres se divertían xogando cos seus compañeiros e compañeiras.

Unha mañá chea de contos, aprendizaxe, creatividade e diversión na que seguimos descubrindo que aprender inglés pode ser toda unha aventura.


venres, 15 de maio de 2026

Smiles, stories and English fun

O alumnado de 5 anos gozou dunha divertida sesión de inglés na biblioteca, un espazo máxico para aprender, imaxinar e descubrir novas historias 📚✨

Durante a actividade coñecemos a Froggy, unha ra moi simpática… e tamén un pouco despistada! 🐸❄️ No conto, Froggy quería saír xogar a pesar do frío, pero tiña que lembrar toda a roupa que necesitaba poñer antes de saír da casa.











A partir da historia traballamos vocabulario relacionado coas prendas de vestir e o inverno dunha maneira dinámica e manipulativa. Os nenos e nenas participaron con moitísima ilusión en diferentes xogos e actividades:
🧩 realizaron puzles relacionados co conto
🎲 xogaron ao bingo e ao memory en inglés
👕 tenderon roupa nun pequeno tendal
🃏 buscaron e emparellaron cartas iguais
🧣 axudaron a vestir a Froggy para que non pasase frío
A través do xogo, da escoita e da participación activa, seguimos achegando o inglés ao alumnado dunha maneira natural, divertida e significativa 💚
Unha mañá chea de contos, risas e moita aprendizaxe!

venres, 27 de marzo de 2026

Celebramos a Pascua

 O alumnado de 3 anos visitou a biblioteca escolar para celebrar a Pascua nunha xornada chea de contos, creatividade e descubrimentos.








Durante a actividade, desfrutaron da narración do conto 
O pequeno coello branco, no que un pequeno coello vive diversas aventuras xunto aos seus amigos antes de regresar á súa casa. A historia serviu como punto de partida para espertar a súa imaxinación e interese pola lectura.


A continuación, os máis pequenos participaron nun obradoiro creativo no que puideron colorear e decorar ovos e coellos de Pascua, deixando voar a súa imaxinación e desenvolvendo a súa creatividade.


Ademais, a visita á biblioteca tamén foi unha oportunidade para coñecer novos recunchos, explorar libros e compartir momentos de xogo a través de distintos xogos de mesa.


Unha experiencia lúdica e enriquecedora que reforza o vínculo do alumnado coa biblioteca como espazo de aprendizaxe, lecer e descubrimento.

venres, 20 de febreiro de 2026

Lemos “El Punto”

 Os nosos peques de 5 anos viviron unha experiencia moi especial na biblioteca do colexio.

Todo comezou coa lectura de O punto, de Peter H. Reynolds, un conto que nos lembra que a creatividade pode comezar con algo tan sinxelo como un pequeno punto. A través da historia, descubrimos como unha nena aprende a confiar en si mesma e na súa capacidade para crear.



Despois da lectura, cada alumno partiu dun punto nunha folla en branco e transformouno nunha obra única. Utilizando pintura, ceras, lápices e rotuladores, deixaron voar a súa imaxinación e demostraron que, cando cremos en nós mesmos, somos capaces de crear cousas marabillosas.








Con esta actividade traballamos e disfrutamos de:

O pracer pola lectura.

O desenvolvemento da creatividade.

O recoñecemento e uso das cores.

A expresión a través da arte.

O fortalecemento da confianza en un mesmo.


Foi unha experiencia enriquecedora que nos lembra que, ás veces, os grandes aprendizaxes comezan con algo tan pequeno como un punto.

venres, 30 de xaneiro de 2026

Sesión de contacontos polo Día da Paz

 Con motivo do Día da Paz, na biblioteca realizamos unha entrañable sesión de contacontos dirixida aos peques de Educación Infantil, a partir da lectura do conto “A pomba da paz”. A historia serviunos como punto de partida para falar, dun xeito sinxelo e próximo, sobre o que significa a paz e como podemos convivir mellor cos demais.










Despois da lectura, os nenos e nenas convertéronse en auténticos axudantes da paz. Entre todos pensamos accións pequenas pero moi importantes para o día a día: compartir cos compañeiros, pedir perdón, escoitar con atención, axudar a quen o necesita e resolver os problemas falando con calma.


A través dos contos, os peques seguen descubrindo valores fundamentais que lles axudan a medrar nun ambiente de respecto, empatía e convivencia positiva. Porque educar na paz comeza dende os primeiros anos

xoves, 4 de decembro de 2025

Lecturas adaptadas polo Día das Persoas con Discapacidade

 Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o noso centro desenvolveu unha actividade moi especial que implicou ao alumnado de todas as etapas educativas. Baixo o nome “Lecturas adaptadas”, puxemos en marcha unha proposta innovadora para facer accesible o conto A que sabe a lúa?, converténdoo nunha experiencia creativa, participativa e profundamente aberta á diversidade.



















O profesorado Eva (Inglés), Diego (Expresión Artística, Plástica e Visual) e Isa (Pedagoxía Terapéutica) lideraron esta iniciativa, animando ao alumnado a explorar o relato desde diferentes formatos, linguaxes e sensibilidades. Grazas á súa coordinación, o proxecto combinou creatividade, accesibilidade e traballo cooperativo, facendo que cada estudante atopase o seu lugar e a súa forma de participar.

Dentro desta actividade global, o alumnado de Secundaria desempeñou un papel fundamental. Primeiro, empregou o programa Inkscape para deseñar as personaxes do conto e a lúa. Despois, coa axuda da cortadora láser dos Polos Creativos, prepararon estas figuras para ser recortadas en materiais manipulables. O obxectivo era utilizalas posteriormente na mesa de luz, creando unha experiencia visual e táctil que facilitase a comprensión e o goce da lectura para todo o alumnado, especialmente para quen precisa adaptacións sensoriais.

A historia traballouse tamén en inglés, castelán e mediante pictogramas, promovendo a comunicación en diferentes códigos e garantindo que cada nena e neno puidese acceder ao conto dun xeito significativo. Ademais, creáronse xogos inclusivos inspirados na historia, elaborados polo propio alumnado e polo profesorado participante.

Esta proposta forma parte das accións da Biblioteca Escolar e dos Polos Creativos, reforzando o compromiso do centro cunha educación innovadora e accesible para todas as persoas. Queremos destacar especialmente o labor do Departamento de Orientación, que impulsa actividades de sensibilización en torno á inclusión educativa e contribúe a que experiencias como esta se convertan nun verdadeiro exemplo de escola aberta, diversa e en igualdade.

Lecturas adaptadas” recórdanos que cada persoa aprende dunha maneira única e que garantir a accesibilidade non só elimina barreiras, senón que enriquece a convivencia e fortalece os valores da nosa comunidade educativa. Porque cando facemos da diversidade unha oportunidade, a aprendizaxe convértese en algo máis grande, máis humano e máis noso.