Amosando publicacións coa etiqueta conmemoracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta conmemoracións. Amosar todas as publicacións

mércores, 10 de decembro de 2025

Día Mundial dos dereitos humanos

 Durante estes días, o noso centro conmemorou o Día Internacional dos Dereitos Humanos cunha completa proposta de actividades desenvolvidas na Biblioteca escolar, que se transformou nun espazo de aprendizaxe compartida, creatividade e convivencia. Participou o alumnado de 4º ESO A, 3º ESO A e da Unidade de Educación Especial, nunha iniciativa coordinada por Isa (PT), Chus (titora de 3º ESO A) e Sara (titora de 4º ESO A), dentro dos programas de Biblioteca, Polos Creativos e do Departamento de Orientación.

A xornada comezou cunha proposta que uniu lectura, pensamento crítico e expresión creativa. O alumnado de 3º ESO A e da UEE escolleu un dereito humano universal e buscou na biblioteca un libro que o representase. A partir desa conexión entre literatura e dereitos, elaboraron marcapáxinas personalizados cunha frase destacada da obra elixida e compartiron unha reflexión persoal sobre a importancia e presenza dese dereito na sociedade actual. Obras como MatildaWonder ou O Diario de Ana Frank serviron para falar de educación, igualdade, liberdade de expresión e outros valores fundamentais, demostrando que os dereitos humanos tamén se poden descubrir entre páxinas.





A continuación, o alumnado participou nun Kahoot interactivo no que competiron por equipos, poñendo a proba os seus coñecementos sobre os Dereitos Humanos mediante as tablets da Biblioteca e de Polos Creativos. A sesión continuou coa creación dun mural colaborativo elaborado con fotografías, que transmitía unha mensaxe clara e necesaria: todas as persoas, sen excepción, somos titulares dos mesmos dereitos.

Por último, o alumnado de 4º ESO A visualizou un vídeo informativo e gravou un vídeo propio protagonizado polo alumnado de 4º A e da UEE, baixo o lema “Todos contamos”. Esta produción lembraba que cada voz importa na defensa dos dereitos fundamentais. O vídeo foi editado grazas á colaboración do alumnado e ao asesoramento do coordinador TIC, Diego Iglesias.

En conxunto, foi unha xornada que combinou creatividade, reflexión e participación, reforzando o compromiso do noso centro coa educación en valores e coa defensa dos Dereitos Humanos como base da convivencia.