Amosando publicacións coa etiqueta inclusión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta inclusión. Amosar todas as publicacións

xoves, 4 de decembro de 2025

Lecturas adaptadas polo Día das Persoas con Discapacidade

 Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o noso centro desenvolveu unha actividade moi especial que implicou ao alumnado de todas as etapas educativas. Baixo o nome “Lecturas adaptadas”, puxemos en marcha unha proposta innovadora para facer accesible o conto A que sabe a lúa?, converténdoo nunha experiencia creativa, participativa e profundamente aberta á diversidade.



















O profesorado Eva (Inglés), Diego (Expresión Artística, Plástica e Visual) e Isa (Pedagoxía Terapéutica) lideraron esta iniciativa, animando ao alumnado a explorar o relato desde diferentes formatos, linguaxes e sensibilidades. Grazas á súa coordinación, o proxecto combinou creatividade, accesibilidade e traballo cooperativo, facendo que cada estudante atopase o seu lugar e a súa forma de participar.

Dentro desta actividade global, o alumnado de Secundaria desempeñou un papel fundamental. Primeiro, empregou o programa Inkscape para deseñar as personaxes do conto e a lúa. Despois, coa axuda da cortadora láser dos Polos Creativos, prepararon estas figuras para ser recortadas en materiais manipulables. O obxectivo era utilizalas posteriormente na mesa de luz, creando unha experiencia visual e táctil que facilitase a comprensión e o goce da lectura para todo o alumnado, especialmente para quen precisa adaptacións sensoriais.

A historia traballouse tamén en inglés, castelán e mediante pictogramas, promovendo a comunicación en diferentes códigos e garantindo que cada nena e neno puidese acceder ao conto dun xeito significativo. Ademais, creáronse xogos inclusivos inspirados na historia, elaborados polo propio alumnado e polo profesorado participante.

Esta proposta forma parte das accións da Biblioteca Escolar e dos Polos Creativos, reforzando o compromiso do centro cunha educación innovadora e accesible para todas as persoas. Queremos destacar especialmente o labor do Departamento de Orientación, que impulsa actividades de sensibilización en torno á inclusión educativa e contribúe a que experiencias como esta se convertan nun verdadeiro exemplo de escola aberta, diversa e en igualdade.

Lecturas adaptadas” recórdanos que cada persoa aprende dunha maneira única e que garantir a accesibilidade non só elimina barreiras, senón que enriquece a convivencia e fortalece os valores da nosa comunidade educativa. Porque cando facemos da diversidade unha oportunidade, a aprendizaxe convértese en algo máis grande, máis humano e máis noso.

mércores, 3 de decembro de 2025

3º de Primaria descobre O cazo de Lorenzo no Día Internacional das Persoas con Discapacidade

 Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o alumnado de 3º de Primariarealizou unha visita moi especial á biblioteca do centro. Alí traballaron o conto O cazo de Lorenzo, unha historia entrañable que nos invita a reflexionar sobre a diversidade, a empatía e a importancia de recoñecer e valorar as capacidades de cada persoa.


Durante a actividade, as nenas e nenos escoitaron a lectura do conto e participaron nun coloquio no que compartiron o que entenderon sobre o “cazo” que acompaña a Lorenzo: ese símbolo das dificultades que cada quen pode levar consigo e que, ás veces, non sempre son visibles. A través de exemplos e dinámicas guiadas, conectaron a historia con situacións cotiás, aprendendo a ver as diferenzas como unha oportunidade para axudarnos, comprendérmonos e convivir mellor.













Foi unha experiencia enriquecedora que non só lles permitiu gozar da lectura, senón tamén medrar en valores esenciais como a solidariedade, a empatía e o respecto. Desde o centro seguimos apostando por actividades que fomenten unha educación inclusiva e emocionalmente consciente.

venres, 7 de novembro de 2025

Lecturas pola igualdade IV

 O alumnado de 1º da ESO participou na actividade “Lecturas pola igualdade, obxectivo ODS 5”, na que combinaron lectura, dixitalización e coeducación.




Durante estes días, prepararon unha presentación dixital e leron un dos libros da nosa biblioteca, Orellas de bolboreta, unha historia chea de sensibilidade e valores. 
Despois, compartiron a súa lectura e reflexións coas nenas e nenos de 
2º de Primaria.

A actividade enmarcouse dentro do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible nº 5: Igualdade de xénero, fomentando a reflexión sobre o respecto, a empatía e a igualdade de oportunidades entre nenos e nenas. 

Unha experiencia preciosa que une etapas e sementa valores dende a educación. 

venres, 24 de outubro de 2025

Lecturas pola igualdade III

 O alumnado de 1º de Educación Primaria participou nunha fermosa actividade dentro do proxecto Lecturas pola Igualdade, tomando como punto de partida o conto “Elmer” de David McKee.





Esta historia, tan colorida como chea de valores, axudounos a reflexionar sobre a importancia de aceptar e valorar as diferenzas. A través de Elmer, o elefante de cores, descubrimos que ser diferente é algo positivo e que todas as persoas merecemos o mesmo respecto, sen importar como somos nin como nos vemos.

Primeiro, lemos o conto e compartimos as nosas impresións, falando sobre o significado da igualdade e da diversidade. Despois, cada neno e nena creou o seu propio Elmer, decorándoo con cores e patróns únicos, simbolizando así a riqueza que achega a diversidade.

Para rematar, xogamos a un divertido memory de elefantes, no que tiñamos que atopar as parellas iguais. A actividade converteuse nunha oportunidade para xogar, aprender e reforzar o valor da igualdade de forma lúdica.

Con propostas como esta, o noso alumnado aprende que a igualdade tamén se constrúe no día a día, a través do respecto, da empatía e da convivencia.

martes, 21 de outubro de 2025

Lecturas pola igualdade II

 Un proxecto de visibilización do papel das mulleres na ciencia e no deporte en 3ºESO

Durante varias sesións, o alumnado de 3ºESO participou nunha actividade interdisciplinar que combinou lectura, investigación e creatividade coa finalidade de poñer en valor o papel das mulleres na historia da ciencia e do deporte.

Para iso, partimos de dúas obras dispoñibles na biblioteca:
📖 
"Mulleres no deporte: 50 mulleres que xogaron para gañar"
📖 
"Mulleres na ciencia: 50 científicas célebres que cambiaron o mundo"




















A partir da lectura destes libros, o alumnado escolleu figuras destacadas destes ámbitos e elaborou murais informativos nos que se recollen as súas achegas, logros e contextos históricos. Un traballo que favoreceu a reflexión sobre a igualdade de xénero e o recoñecemento de referentes femininos moitas veces invisibilizados.

🔬 Na materia de Bioloxía e Xeoloxía, centráronse nas seguintes científicas:

  • Nettie Stevens
  • Ada Lovelace
  • Hipatia
  • Jane Cooke Wright
  • Rosalind Franklin
  • Lise Meitner
  • Bárbara McClintock

Cada mural recolleu datos relevantes, curiosidades e ilustracións ou fotografías das protagonistas, destacando a importancia do seu labor científico e a súa influencia ata os nosos días.

⚽️ No eido deportivo, tamén houbo representación de mulleres pioneiras en diferentes disciplinas, que abriron camiño a novas xeracións de deportistas.

Foi unha experiencia enriquecedora, que combinou lectura comprensiva, traballo en equipo, investigación e expresión artística, fomentando valores de igualdade, respecto e recoñecemento histórico.