venres, 2 de outubro de 2026

Encontro cunha poeta

 Esta semana tivemos o pracer de recibir na nosa biblioteca a Josefa de Maltezinho (Julieta Aleluia), poetisa procedente do Porto e integrante do Círculo Poético da cidade de Ourense.







Durante o encontro co alumnado de 3.º da ESO, Josefa compartiu a súa experiencia como escritora e achegounos ao seu proceso creativo. Falounos de cando comezou a escribir, dos temas que inspiran a súa poesía e das razóns que a levaron a adentrarse no mundo da creación literaria. Ademais, agasallounos coa lectura dalgúns dos seus poemas.

O alumnado participou con moito interese e curiosidade, formulando numerosas preguntas e mostrando un grande entusiasmo ao longo de toda a actividade.

Foi unha visita moi enriquecedora, que nos permitiu coñecer máis de preto o mundo da poesía e descubrir a experiencia de quen a vive e a escribe.

Agardamos poder recibirte de novo moi pronto na nosa biblioteca. Moitas grazas a Josefa de Maltezinho e ao Círculo Poético ourensán pola súa visita e por compartir connosco esta experiencia.


xoves, 1 de outubro de 2026

Pasaporte Lector

 En 3.º e 4.º da ESO iniciamos o noso Pasaporte Lector, unha iniciativa vinculada ao PLEA (Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información).



A través deste pasaporte, cada alumno e alumna irá rexistrando as lecturas realizadas ao longo do curso durante a hora de lectura. Deste xeito, cada estudante poderá construír o seu propio percorrido lector e deixar constancia das obras que vai descubrindo.

Esta proposta nace co obxectivo de fomentar o gusto pola lectura, ampliar o coñecemento de novos libros, compartir recomendacións e converter a lectura nun hábito cada vez máis presente no día a día do alumnado.