domingo, 7 de xuño de 2026

Día Mundial do Medio Ambiente

 Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, o alumnado de 4.º da ESO participou nunha actividade de reflexión e traballo cooperativo na biblioteca!












Estuvo centrada na importancia da
acción climática e na necesidade de actuar fronte ao cambio climático. 
Durante a sesión, o alumnado traballou sobre os catro obxectivos estratéxicos relacionados con este lema, analizando cada un deles, debatendo en grupo e compartindo as súas ideas nunha posta en común. A partir deste traballo, propuxeron diferentes medidas que poderían contribuír a poñer en marcha estes obxectivos e avanzar cara a un futuro máis sostible.

Como resultado da actividade, realizaron diversos traballos que reflicten o seu compromiso, creatividade e conciencia ambiental, e que poden verse nas imaxes que acompañan esta publicación.

Desde o centro, felicitamos o alumnado pola súa implicación e pola súa contribución á construción dunha sociedade máis responsable co coidado do planeta.


luns, 1 de xuño de 2026

Storytelling session” Go away, Green Monster!”

 Esta semana, os nenos e nenas de 3 anos gozaron dunha sesión moi especial na biblioteca. A través do conto Go Away, Big Green Monster!, mergulláronse nunha historia divertida e chea de sorpresas que lles permitiu aprender e repasar as partes da cara en inglés.







Durante a lectura, foron descubrindo pouco a pouco os eyes (ollos), ears (orellas), nose (nariz) e mouth (boca) do gran monstro verde. Os pequenos seguiron a historia con moita atención, participando activamente e repetindo o vocabulario traballado.

Despois do conto, convertéronse en auténticos artistas e construíron o seu propio Big Green Monster, colocando cada unha das partes da súa cara. Foi unha actividade manipulativa e creativa que lles axudou a afianzar o vocabulario dun xeito moi divertido.

Para rematar, realizaron diferentes xogos para identificar as partes da cara. Coa axuda duns coloridos matamoscas, tiveron que localizar rapidamente os eyes, ears, nose e mouth, demostrando todo o que aprenderan mentres se divertían xogando cos seus compañeiros e compañeiras.

Unha mañá chea de contos, aprendizaxe, creatividade e diversión na que seguimos descubrindo que aprender inglés pode ser toda unha aventura.