martes, 2 de decembro de 2025

Novidades: Libros que falan das emocións

 A biblioteca do colexio énchese estes días de cores, historias e… ¡moitas emocións! Queremos convidar a todo o alumnado a achegarse para descubrir as novidades que acaban de chegar, unha selección de libros pensados para axudarnos a entender mellor o que sentimos.





Entre as estanterías atoparedes contos e novelas que falan da alegría, da tristura, da sorpresa, do enfado, do medo… Relatos que nos axudan a poñer nome ao que pasa dentro de nós e que nos ensinan que todas as emocións son importantes e teñen o seu lugar.

Estes libros son perfectos para ler na casa, na aula ou nos momentos tranquilos da biblio. Ademais, están pensados para todas as idades: desde os máis pequenos ata quen xa se anima con lecturas máis longas.

Animádevos a pasar pola biblioteca, explorar as novidades e atopar ese libro especial que vos axude a coñecervos un pouquiño mellor. As emocións tamén se len, e na nosa biblio están esperando por vós.

luns, 1 de decembro de 2025

Volven os Booktubers de 5 anos!


 Volven os Booktubers de 5 años co libro “CocaCola e as gafas asombrosas”, un precioso conto que axuda a activar o pensamento crítico desde cedo. 🧐👓







Os pequenos lectores compartiron as súas opinións e comentarios sobre a historia, aprendendo a expresar ideas, facer preguntas e pensar por si mesmos mentres desfrutaban da lectura. Un comezo fantástico para unha tempada chea de libros e reflexións! 


xoves, 27 de novembro de 2025

Máis actividades polo 25N

 Con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia á Muller (25N), o alumnado de 5º de Educación Primaria participou nunha serie de actividades especiais na biblioteca do centro.







Ao longo da xornada, realizamos diferentes propostas cun obxectivo común: reflexionar, dialogar e educar en igualdade. Entre as actividades destacaron:

Lectura dun conto temático, que nos permitiu achegarnos á realidade da violencia de xénero dunha maneira adaptada á súa idade, comprendendo mellor a importancia do respecto e da convivencia.

Diálogo guiado, no que o alumnado puido expresar ideas, dúbidas e reflexións sobre as situacións de desigualdade que ás veces se ven no día a día, aprendendo a identificar comportamentos que non son aceptables.

Taller creativo, no que elaboraron mensaxes, carteis e pequenos traballos manuais para promover a igualdade e rexeitar calquera forma de violencia contra as mulleres.

Foi unha experiencia enriquecedora, chea de aprendizaxe e participación activa. Dende o noso centro seguiremos apostando por unha educación en valores, que axude a formar unha sociedade máis xusta, libre e igualitaria.

mércores, 26 de novembro de 2025

Lecturas polo 25N

 Ao longo destes días, o noso centro encheuse de carteis que convidan a parar, pensar e sensibilizarse, lembrándonos a importancia de construír relacións baseadas no respecto e no bo trato.


Na biblioteca, preparamos tamén unha pequena exposición de lecturas sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, dispoñible durante toda a semana para que profesorado e alumnado poidan achegarse a reflexións que inspiran e transforman.








O profesorado sumouse a este compromiso lucindo lazos morados, símbolo de apoio ás vítimas e de rexeitamento firme de calquera forma de violencia.

Pequenos xestos que, unidos, fortalecen unha escola máis consciente, segura e humana.
Porque educar en igualdade é abrir camiño e sementar futuro.

martes, 25 de novembro de 2025

Sesión de reflexión polo 25N

 Nos últimos días realizamos na nosa biblioteca unha actividade moi especial coa colaboración das docentes Carmen García e María Gil, organizada dende os departamentos de Inglés e Galego. A proposta enmárcase nas accións do centro para o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A actividade levaba por título “Rapunzel e os estereotipos de xénero” e estivo baseada no libro 50 contos para entendérmonos mellor de Teresa Durán, unha obra que invita a revisar contos tradicionais desde unha perspectiva crítica e igualitaria.

Obxectivos da sesión

  • Identificar estereotipos de xénero e relacións non sanas presentes nas historias tradicionais.
  • Aprender a cuestionar e transformar narracións que normalizan a desigualdade ou a violencia.
  • Fomentar a detección de sinais que poidan indicar situacións de violencia nunha relación afectiva.
  • Promover o empoderamento feminino a través da análise crítica.
  • Propoñer modelos de relación baseados na igualdade e respecto.

A dinámica estruturouse en tres partes:

  1. Lectura e análise do conto: O alumnado achegouse a unha versión revisada de Rapunzel, identificando mensaxes e elementos que reproducen estereotipos.
  2. Debate: A partir da lectura, abrimos un espazo de reflexión para compartir ideas, dúbidas e cuestionamentos sobre os modelos de relación e roles de xénero.
  3. Reescritura do final: Finalmente, o alumnado propuxo finais alternativos máis xustos, igualitarios e empoderadores para os personaxes.

Conclusión

Foi unha experiencia moi enriquecedora, que permitiu ao alumnado mirar con outros ollos historias que coñecían desde a infancia e reflexionar sobre como a literatura tamén pode ser unha ferramenta para educar en igualdade. Seguimos traballando para construír unha escola máis consciente, crítica e libre de violencias.









venres, 21 de novembro de 2025

Lecturas polo Día da Infancia

 O alumnado de 2º e 4º de Educación Primaria traballou de maneira conxunta o conto Candy Pink, unha historia que lles permitiu reflexionar sobre a diversidade, o respecto e a importancia de aceptarse a un mesmo. A sesión estivo guiada pola titora de 2º, Mary, e polo titor de 4º, Alberto, dentro do proxecto Lecturas polo Día da Infancia, en relación co ODS 4 (Educación de Calidade).




Esta actividade tivo como finalidade promover unha educación inclusiva e equitativa, ofrecendo unha oportunidade de aprendizaxe significativa para todo o alumnado.

Visitas guiadas á biblio

 O alumnado de 6º de Educación Primaria visitou esta semana a biblioteca do colexio para participar nunha nova sesión de lectura e préstamo de libros. Nada máis chegar, percorreron as estanterías con gran ilusión, á procura dese libro especial capaz de atraer a súa atención e levalos a viaxar coa imaxinación. Cada neno e nena atopou o seu exemplar favorito, que levaron para casa coa emoción de continuar alí a súa aventura lectora.







Durante a visita, tamén gozaron dun tempo de lectura individual, un momento único no que reinou o silencio e o interese polas historias que comezaban a descubrir. Contos de fantasía, misterios, aventuras… todos atoparon un libro feito á súa medida, perfecto para seguir medrando como lectores e lectoras.

A coordinadora da biblioteca aproveitou a ocasión para explicarlles novamente o funcionamento deste espazo tan especial do centro: como está organizada, onde atopar os diferentes xéneros literarios, o sistema de préstamo e a importancia de coidar os libros para que outras persoas tamén poidan desfrutalos. O alumnado escoitou con atención, facendo preguntas e amosando moito entusiasmo por aprender a moverse con autonomía entre as estanterías.

A continuación foi a quenda do alumnado de 3º de Primaria, que subiu acompañado da súa mestra, Mª José Novo, para participar nunha actividade de contacontos. Nesta sesión descubriron a historia de “Lencio, o neno ruidoso”, de Isabel Reche. Os nenos e nenas seguírona con moito interese e divertíronse coa personalidade tan orixinal e chea de enerxía do seu protagonista.

En definitiva, foi unha xornada moi enriquecedora, na que o noso alumnado demostrou, unha vez máis, que lle encanta ler, descubrir novas historias e deixar voar a imaxinación. A biblioteca converteuse, de novo, nun lugar cheo de maxia, aprendizaxe e diversión.