martes, 25 de novembro de 2025

Sesión de reflexión polo 25N

 Nos últimos días realizamos na nosa biblioteca unha actividade moi especial coa colaboración das docentes Carmen García e María Gil, organizada dende os departamentos de Inglés e Galego. A proposta enmárcase nas accións do centro para o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A actividade levaba por título “Rapunzel e os estereotipos de xénero” e estivo baseada no libro 50 contos para entendérmonos mellor de Teresa Durán, unha obra que invita a revisar contos tradicionais desde unha perspectiva crítica e igualitaria.

Obxectivos da sesión

  • Identificar estereotipos de xénero e relacións non sanas presentes nas historias tradicionais.
  • Aprender a cuestionar e transformar narracións que normalizan a desigualdade ou a violencia.
  • Fomentar a detección de sinais que poidan indicar situacións de violencia nunha relación afectiva.
  • Promover o empoderamento feminino a través da análise crítica.
  • Propoñer modelos de relación baseados na igualdade e respecto.

A dinámica estruturouse en tres partes:

  1. Lectura e análise do conto: O alumnado achegouse a unha versión revisada de Rapunzel, identificando mensaxes e elementos que reproducen estereotipos.
  2. Debate: A partir da lectura, abrimos un espazo de reflexión para compartir ideas, dúbidas e cuestionamentos sobre os modelos de relación e roles de xénero.
  3. Reescritura do final: Finalmente, o alumnado propuxo finais alternativos máis xustos, igualitarios e empoderadores para os personaxes.

Conclusión

Foi unha experiencia moi enriquecedora, que permitiu ao alumnado mirar con outros ollos historias que coñecían desde a infancia e reflexionar sobre como a literatura tamén pode ser unha ferramenta para educar en igualdade. Seguimos traballando para construír unha escola máis consciente, crítica e libre de violencias.









Ningún comentario:

Publicar un comentario