Con motivo da celebración das Letras Galegas 2026, o alumnado do noso centro participou en diferentes actividades organizadas arredor da lingua, a cultura e as tradicións de Galicia, promovendo o coñecemento e o orgullo polas nosas raíces.
Por unha banda, o alumnado de 1º da ESO desenvolveu o proxecto “Falsos Amigos”, unha investigación centrada nos curiosos falsos amigos entre o galego e o castelán. A través deste traballo, os rapaces e rapazas descubriron palabras que presentan unha gran semellanza entre ambas linguas pero que teñen significados diferentes, ampliando así o seu vocabulario e reflexionando sobre a riqueza e singularidade da lingua galega.
Os exemplares elaborados foron entregados á profe Chus, responsable da biblioteca do centro, co obxectivo de compartilos con toda a comunidade educativa e seguir promovendo o uso e coñecemento do galego.
Por outra banda, o alumnado do primeiro ciclo de Primaria participou nunha actividade na biblioteca arredor do libro “O gran libro das nosas cousas”. A través da lectura e do traballo co vocabulario relacionado coa cultura e as tradicións galegas, os nenos e nenas achegáronse a diferentes elementos representativos da nosa terra.



Ningún comentario:
Publicar un comentario