xoves, 4 de decembro de 2025

Lecturas adaptadas polo Día das Persoas con Discapacidade

 Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o noso centro desenvolveu unha actividade moi especial que implicou ao alumnado de todas as etapas educativas. Baixo o nome “Lecturas adaptadas”, puxemos en marcha unha proposta innovadora para facer accesible o conto A que sabe a lúa?, converténdoo nunha experiencia creativa, participativa e profundamente aberta á diversidade.



















O profesorado Eva (Inglés), Diego (Expresión Artística, Plástica e Visual) e Isa (Pedagoxía Terapéutica) lideraron esta iniciativa, animando ao alumnado a explorar o relato desde diferentes formatos, linguaxes e sensibilidades. Grazas á súa coordinación, o proxecto combinou creatividade, accesibilidade e traballo cooperativo, facendo que cada estudante atopase o seu lugar e a súa forma de participar.

Dentro desta actividade global, o alumnado de Secundaria desempeñou un papel fundamental. Primeiro, empregou o programa Inkscape para deseñar as personaxes do conto e a lúa. Despois, coa axuda da cortadora láser dos Polos Creativos, prepararon estas figuras para ser recortadas en materiais manipulables. O obxectivo era utilizalas posteriormente na mesa de luz, creando unha experiencia visual e táctil que facilitase a comprensión e o goce da lectura para todo o alumnado, especialmente para quen precisa adaptacións sensoriais.

A historia traballouse tamén en inglés, castelán e mediante pictogramas, promovendo a comunicación en diferentes códigos e garantindo que cada nena e neno puidese acceder ao conto dun xeito significativo. Ademais, creáronse xogos inclusivos inspirados na historia, elaborados polo propio alumnado e polo profesorado participante.

Esta proposta forma parte das accións da Biblioteca Escolar e dos Polos Creativos, reforzando o compromiso do centro cunha educación innovadora e accesible para todas as persoas. Queremos destacar especialmente o labor do Departamento de Orientación, que impulsa actividades de sensibilización en torno á inclusión educativa e contribúe a que experiencias como esta se convertan nun verdadeiro exemplo de escola aberta, diversa e en igualdade.

Lecturas adaptadas” recórdanos que cada persoa aprende dunha maneira única e que garantir a accesibilidade non só elimina barreiras, senón que enriquece a convivencia e fortalece os valores da nosa comunidade educativa. Porque cando facemos da diversidade unha oportunidade, a aprendizaxe convértese en algo máis grande, máis humano e máis noso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario