Durante estes días, o noso centro conmemorou o Día Internacional dos Dereitos Humanos cunha completa proposta de actividades desenvolvidas na Biblioteca escolar, que se transformou nun espazo de aprendizaxe compartida, creatividade e convivencia. Participou o alumnado de 4º ESO A, 3º ESO A e da Unidade de Educación Especial, nunha iniciativa coordinada por Isa (PT), Chus (titora de 3º ESO A) e Sara (titora de 4º ESO A), dentro dos programas de Biblioteca, Polos Creativos e do Departamento de Orientación.
A xornada comezou cunha proposta que uniu lectura, pensamento crítico e expresión creativa. O alumnado de 3º ESO A e da UEE escolleu un dereito humano universal e buscou na biblioteca un libro que o representase. A partir desa conexión entre literatura e dereitos, elaboraron marcapáxinas personalizados cunha frase destacada da obra elixida e compartiron unha reflexión persoal sobre a importancia e presenza dese dereito na sociedade actual. Obras como Matilda, Wonder ou O Diario de Ana Frank serviron para falar de educación, igualdade, liberdade de expresión e outros valores fundamentais, demostrando que os dereitos humanos tamén se poden descubrir entre páxinas.
A continuación, o alumnado participou nun Kahoot interactivo no que competiron por equipos, poñendo a proba os seus coñecementos sobre os Dereitos Humanos mediante as tablets da Biblioteca e de Polos Creativos. A sesión continuou coa creación dun mural colaborativo elaborado con fotografías, que transmitía unha mensaxe clara e necesaria: todas as persoas, sen excepción, somos titulares dos mesmos dereitos.
Por último, o alumnado de 4º ESO A visualizou un vídeo informativo e gravou un vídeo propio protagonizado polo alumnado de 4º A e da UEE, baixo o lema “Todos contamos”. Esta produción lembraba que cada voz importa na defensa dos dereitos fundamentais. O vídeo foi editado grazas á colaboración do alumnado e ao asesoramento do coordinador TIC, Diego Iglesias.
En conxunto, foi unha xornada que combinou creatividade, reflexión e participación, reforzando o compromiso do noso centro coa educación en valores e coa defensa dos Dereitos Humanos como base da convivencia.





Ningún comentario:
Publicar un comentario