xoves, 27 de novembro de 2025

Máis actividades polo 25N

 Con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia á Muller (25N), o alumnado de 5º de Educación Primaria participou nunha serie de actividades especiais na biblioteca do centro.







Ao longo da xornada, realizamos diferentes propostas cun obxectivo común: reflexionar, dialogar e educar en igualdade. Entre as actividades destacaron:

Lectura dun conto temático, que nos permitiu achegarnos á realidade da violencia de xénero dunha maneira adaptada á súa idade, comprendendo mellor a importancia do respecto e da convivencia.

Diálogo guiado, no que o alumnado puido expresar ideas, dúbidas e reflexións sobre as situacións de desigualdade que ás veces se ven no día a día, aprendendo a identificar comportamentos que non son aceptables.

Taller creativo, no que elaboraron mensaxes, carteis e pequenos traballos manuais para promover a igualdade e rexeitar calquera forma de violencia contra as mulleres.

Foi unha experiencia enriquecedora, chea de aprendizaxe e participación activa. Dende o noso centro seguiremos apostando por unha educación en valores, que axude a formar unha sociedade máis xusta, libre e igualitaria.

mércores, 26 de novembro de 2025

Lecturas polo 25N

 Ao longo destes días, o noso centro encheuse de carteis que convidan a parar, pensar e sensibilizarse, lembrándonos a importancia de construír relacións baseadas no respecto e no bo trato.


Na biblioteca, preparamos tamén unha pequena exposición de lecturas sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, dispoñible durante toda a semana para que profesorado e alumnado poidan achegarse a reflexións que inspiran e transforman.








O profesorado sumouse a este compromiso lucindo lazos morados, símbolo de apoio ás vítimas e de rexeitamento firme de calquera forma de violencia.

Pequenos xestos que, unidos, fortalecen unha escola máis consciente, segura e humana.
Porque educar en igualdade é abrir camiño e sementar futuro.

martes, 25 de novembro de 2025

Sesión de reflexión polo 25N

 Nos últimos días realizamos na nosa biblioteca unha actividade moi especial coa colaboración das docentes Carmen García e María Gil, organizada dende os departamentos de Inglés e Galego. A proposta enmárcase nas accións do centro para o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A actividade levaba por título “Rapunzel e os estereotipos de xénero” e estivo baseada no libro 50 contos para entendérmonos mellor de Teresa Durán, unha obra que invita a revisar contos tradicionais desde unha perspectiva crítica e igualitaria.

Obxectivos da sesión

  • Identificar estereotipos de xénero e relacións non sanas presentes nas historias tradicionais.
  • Aprender a cuestionar e transformar narracións que normalizan a desigualdade ou a violencia.
  • Fomentar a detección de sinais que poidan indicar situacións de violencia nunha relación afectiva.
  • Promover o empoderamento feminino a través da análise crítica.
  • Propoñer modelos de relación baseados na igualdade e respecto.

A dinámica estruturouse en tres partes:

  1. Lectura e análise do conto: O alumnado achegouse a unha versión revisada de Rapunzel, identificando mensaxes e elementos que reproducen estereotipos.
  2. Debate: A partir da lectura, abrimos un espazo de reflexión para compartir ideas, dúbidas e cuestionamentos sobre os modelos de relación e roles de xénero.
  3. Reescritura do final: Finalmente, o alumnado propuxo finais alternativos máis xustos, igualitarios e empoderadores para os personaxes.

Conclusión

Foi unha experiencia moi enriquecedora, que permitiu ao alumnado mirar con outros ollos historias que coñecían desde a infancia e reflexionar sobre como a literatura tamén pode ser unha ferramenta para educar en igualdade. Seguimos traballando para construír unha escola máis consciente, crítica e libre de violencias.









venres, 21 de novembro de 2025

Lecturas polo Día da Infancia

 O alumnado de 2º e 4º de Educación Primaria traballou de maneira conxunta o conto Candy Pink, unha historia que lles permitiu reflexionar sobre a diversidade, o respecto e a importancia de aceptarse a un mesmo. A sesión estivo guiada pola titora de 2º, Mary, e polo titor de 4º, Alberto, dentro do proxecto Lecturas polo Día da Infancia, en relación co ODS 4 (Educación de Calidade).




Esta actividade tivo como finalidade promover unha educación inclusiva e equitativa, ofrecendo unha oportunidade de aprendizaxe significativa para todo o alumnado.

Visitas guiadas á biblio

 O alumnado de 6º de Educación Primaria visitou esta semana a biblioteca do colexio para participar nunha nova sesión de lectura e préstamo de libros. Nada máis chegar, percorreron as estanterías con gran ilusión, á procura dese libro especial capaz de atraer a súa atención e levalos a viaxar coa imaxinación. Cada neno e nena atopou o seu exemplar favorito, que levaron para casa coa emoción de continuar alí a súa aventura lectora.







Durante a visita, tamén gozaron dun tempo de lectura individual, un momento único no que reinou o silencio e o interese polas historias que comezaban a descubrir. Contos de fantasía, misterios, aventuras… todos atoparon un libro feito á súa medida, perfecto para seguir medrando como lectores e lectoras.

A coordinadora da biblioteca aproveitou a ocasión para explicarlles novamente o funcionamento deste espazo tan especial do centro: como está organizada, onde atopar os diferentes xéneros literarios, o sistema de préstamo e a importancia de coidar os libros para que outras persoas tamén poidan desfrutalos. O alumnado escoitou con atención, facendo preguntas e amosando moito entusiasmo por aprender a moverse con autonomía entre as estanterías.

A continuación foi a quenda do alumnado de 3º de Primaria, que subiu acompañado da súa mestra, Mª José Novo, para participar nunha actividade de contacontos. Nesta sesión descubriron a historia de “Lencio, o neno ruidoso”, de Isabel Reche. Os nenos e nenas seguírona con moito interese e divertíronse coa personalidade tan orixinal e chea de enerxía do seu protagonista.

En definitiva, foi unha xornada moi enriquecedora, na que o noso alumnado demostrou, unha vez máis, que lle encanta ler, descubrir novas historias e deixar voar a imaxinación. A biblioteca converteuse, de novo, nun lugar cheo de maxia, aprendizaxe e diversión.

xoves, 20 de novembro de 2025

Terceira reunión do club de lectura

 Na terceira reunión do noso Club de Lectura, achegámonos a dúas das historias máis coñecidas de Hans Christian Andersen: O soldadiño de chumbo e A princesa e o chícharo.


Ambos contos fálannos da sensibilidade e da autenticidade. O soldadiño, feito de chumbo e cunha soa perna, ensínanos que o valor non depende da forza física, senónda capacidade de amar e resistir. Pola súa parte, a princesa do chícharo recorda que a verdadeira nobreza está na delicadeza do corazón e na empatía.

Durante a sesión reflexionaremos sobre o que significa ser valente, sobre as diferenzas e sobre como cada un de nós é único e especial. A lectura converterase nunespello onde recoñecer sentimentos e aprender a poñer nome ás emocións.

mércores, 12 de novembro de 2025

Lecturas pola Igualdade na prensa

Encántanos que o Xornal Escolar destaque esta iniciativa, que busca promover a igualdade a través da lectura, fomentando valores como o respecto, a inclusión e a diversidade.

Grazas a todas as persoas que apoian o noso proxecto e nos axudan a construír un mundo máis xusto, palabra a palabra.

venres, 7 de novembro de 2025

Lecturas pola igualdade IV

 O alumnado de 1º da ESO participou na actividade “Lecturas pola igualdade, obxectivo ODS 5”, na que combinaron lectura, dixitalización e coeducación.




Durante estes días, prepararon unha presentación dixital e leron un dos libros da nosa biblioteca, Orellas de bolboreta, unha historia chea de sensibilidade e valores. 
Despois, compartiron a súa lectura e reflexións coas nenas e nenos de 
2º de Primaria.

A actividade enmarcouse dentro do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible nº 5: Igualdade de xénero, fomentando a reflexión sobre o respecto, a empatía e a igualdade de oportunidades entre nenos e nenas. 

Unha experiencia preciosa que une etapas e sementa valores dende a educación. 

mércores, 5 de novembro de 2025

Segunda reunión do club de lectura


Nesta nova sesión, as nosas lectoras e lectores seguiron gozando do marabilloso mundo dos contos de Hans Christian Andersen. Comezamos coñecendo un pouco máis sobre a vida e obra deste autor danés, creador de historias tan famosas como A sirenita, O patito feo ou O traxe novo do emperador. 



Precisamente, lemos e comentamos “O traxe novo do emperador”, un conto cheo de humor e intelixencia que nos convida a reflexionar sobre a honestidade, a vaidade e o valor de dicir a verdade.

Despois da lectura, traballamos diferentes aspectos:

💭 Comprendemos mellor os personaxes e as súas intencións,

🎭 Analizamos a mensaxe e a ensinanza do conto,

🖍️ E mesmo imaxinamos como sería un novo final… deixando voar a nosa creatividade!

Cada reunión convértese nun espazo para pensar, compartir e gozar lendo xuntos. ❤️Xa estamos a desexar que chegue a próxima!