mércores, 29 de outubro de 2025

venres, 24 de outubro de 2025

Día de la Biblioteca na ESO

 Con motivo da celebración do Día das Bibliotecas, o alumnado de 3º da ESO participou nunha actividade especial de lectura e reflexión arredor do libro “Las niñas del espejo” de Alejandro López. 







Tamén contamos coa participación do alumnado da aula de educación especial do colexio, o que fixo desta unha actividade inclusiva, chea de aprendixaxe e convivencia.

Despois da lectura do libro, realizamos unha posta en común na que falamos sobre a autoestima e sobre a importancia de quererse a un mesmo para poder acadar a felicidade e o benestar persoal. Foi un momento moi enriquecedor no que o alumnado compartiu as súas opinións e experiencias de manera aberta e respectuosa. 

 

Día da Biblioteca en infantil

 Esta semana o alumnado de Educación Infantil celebrou o Día da Biblioteca dun xeito moi especial e cheo de maxia. 







Na biblio do cole tivemos unha sesión de contacontos de Samaín a cargo da profe Thais, que nos fixo viaxar por historias cheas de misterio, cabazas, risas e algunhas pequenas doses de medo.

Os nenos e nenas escoitaron con moita atención, participaron con entusiasmo e demostraron que os libros son portas abertas á imaxinación e á emoción

Foi unha xornada moi divertida, na que combinamos o amor pola lectura co espírito do Samaín, enchendo a nosa biblioteca de contos, fantasía e sorrisos.

Grazas, profe Thais, por esta tarde tan especial!

Arranca o club de lectura!

 Hoxe celebramos a primeira reunión do noso novo Club de Lectura, un espazo para gozar dos libros, compartir ideas e descubrir xuntos o pracer de ler.



Nesta primeira sesión, coñecemos en que consiste o club, eliximos entre todos o nome que nos representará (poner nome), fixado unhas normas básicas de convivencia e participación, e sobre todo pasámolo xenial! 

A nosa primeira lectura será “O reiseñor e outros contos” de Hans Christian Andersen, unharecompilación chea de maxia, sensibilidade e grandes valores.Moi pronto compartiremos as nosas impresións, reflexións e aventuras lectoras.

Espéranos unha viaxe marabillosa entre páxinas e imaxinación!

Lecturas pola igualdade III

 O alumnado de 1º de Educación Primaria participou nunha fermosa actividade dentro do proxecto Lecturas pola Igualdade, tomando como punto de partida o conto “Elmer” de David McKee.





Esta historia, tan colorida como chea de valores, axudounos a reflexionar sobre a importancia de aceptar e valorar as diferenzas. A través de Elmer, o elefante de cores, descubrimos que ser diferente é algo positivo e que todas as persoas merecemos o mesmo respecto, sen importar como somos nin como nos vemos.

Primeiro, lemos o conto e compartimos as nosas impresións, falando sobre o significado da igualdade e da diversidade. Despois, cada neno e nena creou o seu propio Elmer, decorándoo con cores e patróns únicos, simbolizando así a riqueza que achega a diversidade.

Para rematar, xogamos a un divertido memory de elefantes, no que tiñamos que atopar as parellas iguais. A actividade converteuse nunha oportunidade para xogar, aprender e reforzar o valor da igualdade de forma lúdica.

Con propostas como esta, o noso alumnado aprende que a igualdade tamén se constrúe no día a día, a través do respecto, da empatía e da convivencia.

martes, 21 de outubro de 2025

Lecturas pola igualdade II

 Un proxecto de visibilización do papel das mulleres na ciencia e no deporte en 3ºESO

Durante varias sesións, o alumnado de 3ºESO participou nunha actividade interdisciplinar que combinou lectura, investigación e creatividade coa finalidade de poñer en valor o papel das mulleres na historia da ciencia e do deporte.

Para iso, partimos de dúas obras dispoñibles na biblioteca:
📖 
"Mulleres no deporte: 50 mulleres que xogaron para gañar"
📖 
"Mulleres na ciencia: 50 científicas célebres que cambiaron o mundo"




















A partir da lectura destes libros, o alumnado escolleu figuras destacadas destes ámbitos e elaborou murais informativos nos que se recollen as súas achegas, logros e contextos históricos. Un traballo que favoreceu a reflexión sobre a igualdade de xénero e o recoñecemento de referentes femininos moitas veces invisibilizados.

🔬 Na materia de Bioloxía e Xeoloxía, centráronse nas seguintes científicas:

  • Nettie Stevens
  • Ada Lovelace
  • Hipatia
  • Jane Cooke Wright
  • Rosalind Franklin
  • Lise Meitner
  • Bárbara McClintock

Cada mural recolleu datos relevantes, curiosidades e ilustracións ou fotografías das protagonistas, destacando a importancia do seu labor científico e a súa influencia ata os nosos días.

⚽️ No eido deportivo, tamén houbo representación de mulleres pioneiras en diferentes disciplinas, que abriron camiño a novas xeracións de deportistas.

Foi unha experiencia enriquecedora, que combinou lectura comprensiva, traballo en equipo, investigación e expresión artística, fomentando valores de igualdade, respecto e recoñecemento histórico.

venres, 17 de outubro de 2025

Lecturas pola igualdade

 O alumnado de 2º e 4º curso de Educación Primaria participou recentemente nunha actividade moi especial enmarcada dentro do proxecto Lecturas pola Igualdade, relacionada co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible nº 5 (ODS 5): Igualdade de Xénero.

A partir da lectura do libro El rosa, el azul y tú da autora Elise Gravel, nenos e nenas tiveron a oportunidade de reflexionar sobre a importancia do respecto, a liberdade e a necesidade de eliminar os estereotipos de xénero que, moitas veces, están presentes na vida cotiá.





A sesión foi dinamizada pola titora de 2º, Mary, e o titor de 4º, Alberto, que guiaron o diálogo e promoveron un espazo seguro para compartir ideas e experiencias.

🟣 Obxectivos da actividade:

  • Fomentar o pensamento crítico e o debate sobre os roles de xénero.

  • Promover a igualdade e o respecto desde a infancia.

  • Sensibilizar ao alumnado sobre a diversidade e a liberdade de ser un mesmo ou unha mesma.

Foi unha xornada enriquecedora, chea de aprendizaxes significativas e compromiso co futuro. Porque educar en igualdade é construír unha sociedade máis xusta para todas e todos.

luns, 13 de outubro de 2025

Xogos, libros e moitas risas

 O alumnado de 3º ESO A visitou a biblioteca para participar nunha divertida sesión de aprendizaxe a través de xogos educativos. Durante a actividade, os rapaces e rapazas xogaron con diferentes recursos para practicar o inglés e o galego dun xeito ameno e dinámico.









Ademais, desfrutaron dun entretido xogo de adiviñas que puxo a proba a súa imaxinación e capacidade de dedución. Ao rematar, aproveitaron a ocasión para escoller algún libro de préstamo e levalo para ler na casa.

Como recordo da xornada, levaron tamén uns marcapáxinas de agasallo. Foi unha experiencia enriquecedora que combinou aprendizaxe, lectura e diversión.