venres, 26 de setembro de 2025

Le dictionnaire des emprunts — Un dicionario colaborativo de palabras viaxeiras

 O alumnado de 3º da ESO da materia de Francés levou a cabo unha actividade tan amena como enriquecedora: a creación dun mini dicionario de préstamos lingüísticos, titulado Le dictionnaire des emprunts.





Traballando de forma colaborativa, tanto analóxica como dixitalmente, os rapaces e rapazas recompilaron palabras do francés que teñen a súa orixe noutras linguas europeas. Clasificáronas segundo a súa procedencia (italiano, inglés, español, alemán, etc.) e reflexionaron sobre como as linguas se inflúen entre si ao longo do tempo.

🧠📚 Aprendemos vocabulario novo, coñecemos a etimoloxía de moitos termos e comprendemos como as linguas están en constante evolución, prestando e adaptando palabras duns idiomas a outros. Esta actividade tamén nos axudou a descubrir préstamos comúns co galego e o castelán, o que fixo aínda máis interesante o noso percorrido lingüístico.

Foi unha maneira diferente e entretida de aprender, poñendo en práctica tanto os contidos lingüísticos como as competencias dixitais e colaborativas. 💻🤝

Parabéns a todo o grupo polo seu traballo! 👏👏

Día Europeo das Linguas en primaria

 Con motivo do Día Europeo das Linguas 2025, o alumnado de primeiro e segundo de primaria participou nunha actividade moi especial dende a nosa biblioteca. A través dos seus debuxos, os nenos e nenas demostraron que a lingua vai moito máis alá das palabras.



Cada creación foi unha mostra de imaxinación, cor e sensibilidade, reflectindo a diversidade cultural e lingüística que nos rodea. Nesta xornada, aprendemos que comunicar, respectar e escoitar aos demais é esencial para convivir e medrar xuntos.

Foi unha experiencia enriquecedora onde a arte e a expresión se uniron para celebrar a importancia das linguas e o valor de aprender uns dos outros. Desde a biblioteca, agradecemos a implicación do alumnado e do profesorado nesta fermosa iniciativa.