mércores, 30 de abril de 2025

Sesión de formación

 No colexio tivemos unha sesión de formación moi enriquecedora dentro do seminario "Recursos dixitais desde a biblioteca". Nesta ocasión, contamos coa presenza de Yolanda González Guerra, coordinadora da biblioteca do CEIP Plurilingüe de Seixalvo.






Durante a súa intervención, Yolanda explicounos como teñen organizada a súa biblioteca escolar e compartiu con nós unha gran variedade de recursos dixitais que empregan para mellorala e facela máis accesible e próxima a todo o alumnado. A súa experiencia foi moi inspiradora e proporcionounos ideas moi útiles que poderemos adaptar ás nosasnecesidades.

Moitas grazas, Yolanda, por compartir connosco o teu tempo e coñecementos.

luns, 28 de abril de 2025

Décimoterceiro encontro do club de lectura

 Os personaxes de Ringo. Memorias dun coello fedello cobran vida nos nosos marcapáginas!

 O alumnado de 5º e 6º de Primaria do noso Club de Lectura puxo a voar a imaxinación para crear uns orixinais marcapáxinas inspirados nos personaxes do libro que estamos a ler: Ringo. Memorias dun coello fedello, do autor Pablo Nogueiras.

Desde o mago Leo ata Máxima Forzuda, pasando polo malabarista Lanzal Marcial, os personaxes do circo Fantabuloso cobran vida nos nosos marcapáxinas.

Unha forma creativa de celebrar a lectura!

martes, 22 de abril de 2025

XII Festival do Libro

  Achégase a duodécima edición do Festival do Libro cun programa repleto de actividades para celebrar que “Un libro é a Nosa casa”

Non deixes de consultar o programa nesta ligazón

E visita o blog para ver o que se estás facer ao longo destes 3 días.


venres, 11 de abril de 2025

We’re going on an egg hunt!

Os alumnos de 5 anos desfrutaron dunha fermosa historia na biblioteca sobre à busca de ovos de Pascua. Despois de ler We're going on an Egg Hunt, repasaron os números e as cores e aprenderon vocabulario de animais. Ademais, traballaron en equipo para resolver un memory, facer puzzles e descubrir, coa axuda dunha lanterna, cantos ovos se agochaban nas cestas que utilizaban os coelliños da historia para gardar os que ían atopando.






Foi unha sesion chea de descubrimentos!
Happy Easter, everyone!

sábado, 5 de abril de 2025

Storytelling session: The Very Hungry Caterpillar

 Os peques de 4 anos gozaron dunha sesión especial de contacontos e manualidades na biblioteca do colexio coa historia clásica de Eric Carle, The Very Hungry Caterpillar. A través deste conto, descubriron o ciclo vital da bolboreta, ao tempo que aprenderon e reforzaron vocabulario en inglés sobre os alimentos e os días da semana.









Durante a actividade, os nenos escoitaron con atención a narración da historia, observando as fermosas ilustracións do libro e participando activamente repetindo palabras clave en inglés. Despois, puxeron a súa creatividade en acción cunha divertida manualidade na que recrearon a eiruga protagonista da historia usando diferentes materiais.

Foi unha experiencia lúdica e educativa que lles permitiu aprender xogando, favorecendo a súa inmersión na lingua inglesa dun xeito natural e divertido.

 

venres, 4 de abril de 2025

Club de xogos

 O alumnado de 3º da ESO foron á biblioteca para aprender xogando. Nesta ocasión, no club de xogos da biblioteca do colexio, desfrutaron dunha sesión especial onde, a través do xogo, reforzaron os seus coñecementos e habilidades. Durante a xornada, participaron en diferentes xogos educativos que fomentaron o pensamento estratéxico, a creatividade e o traballo en equipo.







Os xogos aos que xogaron foron:

• A noite do meigallo, onde tiveron que resolver adiviñas para conseguir ingredientes máxicos que lles permitisen conxurar os astros. Unha vez reunidos tres elementos, conseguían a vitoria. Trátase dun sinxelo xogo de taboleiro no que poñer a proba as dotes adiviñatorias.

 Natureza no Camiño de Santiago, un divertido xogo de memoria para coñecer mellor a flora e a fauna de Galicia. Sabes o que é unha lontra? Serías quen de identificar a follaxe dun bidueiro? A través deste xogo, os alumnos exploraron a biodiversidade galega dun xeito entretido.

• Xeometrías, un xogo no que, por quendas, os participantes van colocando fichas para formar cadrados da mesma cort, obtendo puntos en función da cantidade de cadrados creados en cada xogada. Unha proposta que favorece a concentración e o recoñecemento das formas.

• Verbateca, un xogo baseado en materiais empregados en terapias visuais, que axuda a mellorar a vista, a concentración e a comprensión lectora.

Encántannos estes xogos porque están deseñados e fabricados artesanalmente en Galicia, mesturando sempre o lúdico co educativo. A través do xogo, traballamos o razoamento e a reflexión, melloramos a comprensión lectora e potenciamos a capacidade de análise.

Foi unha experiencia enriquecedora e divertida, onde aprender e xogar foron da man!

mércores, 2 de abril de 2025

Duodécimo encontro do club de lectura

 Nesta sesión, o alumnado de 5º e 6º de primaria deu renda solta á súa creatividade inventando os seus propios personaxes para un novo Circo Fantabuloso.




Inspirados nos valores do libro Ringo. Memorias dun coello fedello (amizade, diversidade e empatía), os grupos inventaron personaxes únicos, imaxinaron os seus talentos especiais e reflexionaron sobre como cada un deles enriquece ao circo coa súa singularidade.

Unha actividade creativa e colaborativa que nos permitiu aprender e divertirnos mentres valoramos o que nos fai diferentes.